O evento madrileño converteuse en toda unha festa para os seareiros de Star WarsO vindeiro 3 de abril chegará ás tendas por 49,99 euros o xogo Kinect Star Wars, que permitirá que os usuarios da Xbox 360 de Microsoft que conten co sensor Kinect poidan converterse en auténticos cabaleiros jedi diante da súa consola, nunha experiencia sen mandos apta para xogadores de todas as idades, que permitirá imitar aos personaxes favoritos da saga cinematográfica de George Lucas, pilotar algúns dos vehículos e incluso bailar. E para celebrar a chegada deste agardado título, tivo lugar en Madrid unha impresionante presentación na que participou o actor e director de cine Santiago Segura, recoñecido afeccionado da saga de Star Wars. Segura puido probar o xogo en compañía da actriz Lily Morett (de series como Hispania e Los Protegidos), competindo ambos nunha carreira de vaíñas. Durante este evento tamén puideron verse numerosos obxectos emblemáticos da saga de Star Wars, converténdose a madrileña Sala OuiMad nunha especie de museo que recollía obxectos como unha pistola blaster da princesa Leia (asinado pola actriz Carrie Fisher), figuras de tamaño real de Darth Vader, Yoda, Watto e Jar Jar Binks, unha réplica de R2-D2 e moitos outros elementos de memorabilia, que acompañaban á que para moitos será tamén unha xoia de coleccionista: unha edición especial da Xbox 360 que sairá á venda por 399,99 euros co xogo Kinect Star Wars e que presenta un aspecto inspirado en R2-D2, mentres que o seu mando sen fíos imita ao androide C-3PO.