O Game Group pechou un acordo co grupo privado de investimento OpCapita, vendéndolle 333 das súas tendas no Reino Unido, o que supón a preservación de preto de 3.200 postos de traballo, confirmándose o peche doutras 277 tendas que parecían ser as culpables da entrada da compañía en perdas (os administradores concursais consideraron que a anterior política expansiva das tendas GAME e Gamestation provocou unha canibalización que prexudicou seriamente á empresa).
The Telegraph considera que a cantidade pagada por parte de OpCapita polas tendas do Game Group podería ser de 1 libra esterlina, pois tomar o control da compañía supón ter que responsabilizarse dunha débeda de 85 millóns de libras.
Dende OpCapita confían no modelo de negocio das tendas físicas de videoxogos, que no Reino Unido están lideradas por GAME, polo que consideran atinado participar nun mercado que factura 2.800 millóns de libras no Reino Unido.
Unha ver rescatadas as tendas GAME de Reino Unido, queda agora a dúbida do que acontecerá coas 31 da República Checa, as 67 en Escandinavia, as 94 en Australia, as 197 de Francia e as 288 de España e Portugal, continuando neste último caso a entenderse que a cadea estadounidense Gamestop estaría interesada na súa adquisición.
ACTUALIZACIÓN: Tras unha retirada temporal do mercado bolsista, o Game Group abandona definitivamente a Bolsa de Londres.
OpCapita faise coas tendas británicas da cadea GAME
Compartir Este Artigo
