O xogo Star Wars: The Old Republic chegou ao mercado como o primeiro grande título con posibilidades de facer fronte ao World of Warcraft, en boa medida por vir apoiado por unha grande franquía, pero finalmente o título de Electronic Arts parece estar a perder pulo, e a súa editora recoñeceu ao presentar as súas contas trimestrais que o xogo pasou de 1,7 a 1,3 millóns de subscritores, aínda que dende EA estiman que tal caída de usuarios corresponde “a xogadores de proba e ocasionais”, ou sexa, que realmente non estariamos ante unha desfeita, senón a un simple axuste que amosaría os datos de uso reais deste xogo que aínda ten moito que demostrar para gañarse ao público a longo prazo como conseguiu facer o título en liña de Blizzard.

Mentres xogos como Mass Effect 3, SSX ou Kingdoms of Amalur conseguiron uns fortes resultados en soporte físico, podemos subliñar que FIFA 12 conseguiu o seu mellor ano da historia, sumando 108 millóns de dólares en descargas e micro transaccións, o que contribúe a destacar a forza do xogo en liña, que no caso de Battlefield 3 conseguiu congregar a 6,3 millóns de xogadores activos no mes de marzo.
A compañía tamén desvelou que investirán 80 millóns de dólares durante o ano que vén para desenvolver xogos para a vindeira xeración de consolas.
Star Wars: The Old Republic perde 400.000 subscritores
Compartir Este Artigo
