Quen queira información en galego sobre unha cuestión específica, na Rede, ten cada vez máis posibilidades de conseguila. Se onte falabamos nesta web da posta en marcha dunha revista-web sobre fútbol, Kubus, hoxe é a quenda de presentar Imaxerali, unha nova páxina no noso panorama redeiro, sen dúbida un espazo de apoio para que a nosa comunicación medre, agora que as posibilidades de facelo pola vía tradicional (en papel e nos quioscos) xa non son as mesmas cás de antes. A páxina, toda ela na nosa lingua, xira arredor dos temas aos que apunta o seu nome: é un percorrido fundamentalmente visual polas principais competicións de rali galegas e estatais.
O servizo, unha fonte de material gráfico (imaxes, vídeos) e información especialmente relevante para todos os seareiros deste deporte (calendario, novas sobre o eido do motor e as competicións) vén da man dun veciño do concello de Teo, Miguel Fernández Ares, fotógrafo especializado no mundo dos ralis e cunha máis que longa traxectoria creativa e profesional cubrindo os principais circuítos de España, Portugal e boa parte de Europa (ralis de montaña, autocrós e outro tipo de exhibicións).
Na web da que estamos a falar non só se vai amosar o seu traballo gráfico, senón que tamén convida aos restantes seareiros (do motor e da fotografía) a que expoñan ante o mundo as súas respectivas achegas. En boa maneira, concíbese como un froito do seu tempo: funciona a xeito de rede social ou punto de encontro para dar acubillo a quen teña interese, na nosa terra, arredor desta cuestión. Así nolo explica Miguel: “A web conta cun apartado específico de proxección e apoio ás novas xeracións de fotógrafos do mundo do rali, onde poderán compartir as súas imaxes con escuderías, equipos e pilotos profesionais”.
O proxecto, que xa é unha realidade, comezou sen grandes apoios nin investimentos, cunha cámara e coa ilusión de facer un bo traballo, ao que cómpre engadir dous factores fundamentais: o desexo de amosar o traballo xerado e, a maiores, de conseguir que os demais internautas teñan tamén a mesma oportunidade. O comezo da web tivo un claro precedente: tres anos de seguimento das principais citas automobilísticas estatais para capturar os seus mellores intres. Ao cabo disto, sinala Miguel, quedou claro que había que compartir o traballo xerado cos demais, e que as redes (a web propia, o blog e a axuda das súas vertentes nas redes sociais, Flickr, Facebook, Twitter) fornecían dunha boa oportunidade para isto.
O desenvolvemento da páxina-portal levouse a cabo ao longo de seis meses, sendo o seu obxectivo o de achegar un portal interactivo “pensado tanto para apaixonados do mundo do rali como para fotógrafos profesionais e onde poder descubrir interesantes imaxes en múltiples eventos deportivos de primeiro nivel e as últimas novidades no eido do motor”.
Para facérmonos unha idea do que ofrece arestora a web, dicir que podemos participar xa en percorridos polo WRC Rally de Portugal, o Rali Ría de Noia, a Subida a Oia, o Rali Comarca da Ulloa ou a recentemente celebrada XXXII Rampa Internacional de Falperra, tamén no país veciño. “E non vai parar de estar presente en novas probas”, engade Miguel, que xa nos anuncia que visitará o 48º Rali Rías Baixas con prescrición para o campionato europeo, durante o venres 1 e sábado 2 de xuño.
Bota a andar Imaxerali, web-comunidade en galego sobre o eido do motor
Compartir Este Artigo
