
Cando Nintendo presentou a Wii U o ano pasado, foi moita a confusión sementada, por chegar a entenderse que a consola era o seu novo mando, o Wii U GamePad, que grazas a varias presentacións foise entendendo mellor a súa función, de xeito que este sistema de control que integra unha pantalla táctil de 6,2 polgadas redefinirá o xeito no que as persoas interactúan cos xogos, de xeito que nuns casos conseguiremos unha experiencia semellante á dos tablets, mentres que noutras ocasións fará unha función máis propia da pantalla táctil da Nintendo DS, o que nalgúns títulos supón un cambio substancial, pois facilita enormemente labores como o acceso ao inventario, evitando a interromper a acción para moverse por un labirinto de menús.

Nutrido catálogo de xogos
Para ir introducindo este novo xeito de xogar teremos un título bastante ilustrativo, Nintendo Land, que incluirá 12 mini-xogos inspirados nas principais franquías da compañía (como The Legend of Zelda e Donkey Kong), que poderán controlarse mediante movementos intuitivos coma no seu día con Wii Sports, ou empregando o GamePad, de xeito que podería converterse no título de iniciación ideal para a nova consola.
Apostando sobre seguro a Wii U vai ter un catálogo de xogos no que non faltarán revisións dos grandes éxitos de Wii, como New Super Mario Bros. U ou Wii Fit U, aos que se sumarán o xogo musical SiNG, LEGO City: Undercover, o terrorífico e prometedor xogo ZombiU, o agardado Pikmin 3, a Armoured Edition do magnífico Batman: Arkham City (actualización do xogo que aproveitará as posibilidades do GamePad), Assassin’s Creed III, Just Dance 4, Scribblenauts Unlimited, Mass Effect 3, Darksiders II, Aliens: Colonial Marines, TANK! TANK! TANK!, TEKKEN TAG TOURNAMENT 2, Trine 2, Rayman Legends, Your Shape: Fitness Evolved 2013, Sports Connection, Rabbids Land e Marvel Avengers: Battle for Earth. Sen dúbida, Nintendo non está a descoidar ás 3rd parties, e parece que con Wii U quere corrixir o escenario creado coa anterior Wii, na que practicamente só recibiron unha boa acollida os xogos de Nintendo (con algunhas excepcións como os xogos deportivos e musicais).
Vídeo que recolle boa parte dos xogos que teñen confirmado o seu lanzamento para Wii U
