A pasada noite Nintendo pechou o seu ciclo de conferencias no marco da feira E3 dedicándolle unha sesión dunha hora a presentar os xogos que nos vindeiros meses pasarán a incorporarse ao catálogo da 3DS, que cada día é máis sólido, con grandes aspirantes a supervendas, mentres que Sony pareceu deixar esquecida a PS Vita durante o evento deste ano.
O xogo que decidiron presentar primeiro en Los Ángeles foi Castlevania: Lords of Shadow – Mirror of Fate, desenvolvido polo estudo español Mercury Steam para Konami, e que terá unha mecánica de desprazamento lateral como as entregas clásicas da franquía, o que non impedirá que tire proveito da pantalla 3D da portátil de Nintendo, dotando ao xogo de profundidade.
Pero non só un Castlevania serve para elevar o ánimo dos seareiros máis fieis de Nintendo, senón que o seguinte xogo en amosar, Luigi’s Mansion: Dark Moon, tamén sumaba puntos para os máis nostálxicos, pois trátase dunha secuela dun xogo de GameCube baseado en misións que nesta nova entrega destacará por estar dispoñible simultaneamente en formato físico e descargable dende o primeiro día.
Trailer do novo Luigi’s Mansion
Outro xogo a destacar foi o Epic Mickey: Power of Illusion, que chegará no mes de decembro e pretende retomar a historia do xogo Castle of Illusion de Mega Drive, dando a impresión de que Nintendo é moi consciente da nostalxia á hora de promocionar os seus títulos.
Un xogo do que xa puidemos ver imaxes antes da chegada ao mercado da 3DS , e que finalmente está xa en posicións de saída é Paper Mario: Sticker Star, que destacará polo seu uso das 3 dimensións, xa que desta volta presenta a un Mario de papel que se move por un mundo tridimensional, creando un efecto visual tan curioso como divertido:
O catálogo da Nintendo 3DS tamén se verá reforzado por Kingdom Hearts 3D: Dream Drop Distance, xogo de rol xaponés que mestura personaxes de Square Enix con personaxes da Disney (incluíndo películas como TRON) e que vai ser compatible co Botón Deslizante Pro.
E para completar o menú, Nintendo engade un prato que é unha aposta segura: New Super Mario Bros 2. Estamos ante un xogo de plataformas 2D clásico, que tras unha primeira entrega de éxito en Wii e Nintendo DS, chega o 17 de agosto á nova portátil de Nintendo, converténdose no primeiro xogo da compañía en estrearse simultaneamente en formato físico e descargable. Confírmase que New Super Mario Bros 2 poderá xogarse en cooperativo de principio a fin.
Na presentación tamén se comentaron algúns outros xogos como Scribblenauts Unlimited, Transformers Prime, Heroes of Ruin, Rabbids Rumble e LEGO Batman 2, deixando claro que o catálogo de 3DS non para de medrar a bo ritmo e, especialmente, con xogos que non son unha simple conversión doutra plataforma, estratexia que parece ser decisiva para manter a Nintendo como líder nun sector no que Sony a supera tecnicamente (detalle que non parece importar ao público).
Presentación das novidades para Nintendo 3DS durante o E3
Nintendo adianta no E3 as novidades para a 3DS que chegarán nos vindeiros meses
Compartir Este Artigo
