A plataforma Kiip, especializada en facilitar que os desenvolvedores de videoxogos poidan integrar nos seus títulos para iOS e Android recompensas reais para os logros virtuais, permitindo tamén monetizar as aplicacións freemium sen afectar á xogabilidade, creou un fondo de 100.000 dólares a repartir entre 20 desenvolvedores independentes para promover os seus xogos e aplicacións e recibir asesoramento por parte dun panel de expertos.
Cada un dos gañadores recibirá 5.000 dólares en Kiip, 2.000 dólares en crédito para servizos web de Amazon (AWS), licenza profesional por 6 meses de Urban Airship, StackMobe e Localytics e unha licenza corporativa vitalicia de Crittercism.
Este iniciativa contou con máis de 250 aspirantes de todo o mundo, entre os que temos que destacar a presenza galega entre os seus gañadores, pois o coruñés Estudio256 conseguiu que o seu xogo en desenvolvemento Iron Jack superase a peneira en conseguirse o recoñecemento de Kiip.
Iron Jack é un xogo para dispositivos móbiles (Android e iOS) que verá a luz en poucos días e que permítenos controlar a un piloto espacial que debe recoller carburante espallado polo espazo coa axuda dun propulsor e un traxe espacial, evitando aos inimigos que xorden ao seu paso, cunha mecánica que pode lembrar ao clásico xogo Bomb Jack, pero que destaca por uns coidados gráficos 2D e 3D. O control táctil de Iron Jack facilita percorrer 134 niveis repartidos en 4 sectores, poderemos facer uso de 10 tipos diferentes de armas e incluso poderemos aproveitar a súa integración co GameCenter (na súa versión para iOS) e con Facebook e Twitter.
O Estudio256, que xa leva un par de xogos ás súas costas, está formado por Sergio Abraham Martínez (con experiencia en desenvolvementos como o buscador de vídeo en liña Blinkx), Javier de la Peña Ojea (enxeñeiro informático formado en Ourense e con experiencia no desenvolvemento móbil e campión en varias competicións de videoxogos), Laura Piñeiro Meana (licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo), Carlos Alonso Álvarez (experto en animación 3D), Yuan ChengWei (profesional especializado nas artes dixitais), Borja Franco (responsable dos efectos de son), Carlos Moreno (músico da formación Super F) e outros colaboradores e asesores, grazas aos que xa están a traballar nun xogo que chegará despois de Iron Jack, e que leva por nome Tin Boy, confirmando que estamos ante un proxecto serio que busca consolidarse nun sector altamente competitivo apostando cada vez por un maior coidado dos seus produtos.
Vídeo promocional de Iron Jack, no que podemos ver a potencia gráfica deste título desenvolvido en Galicia
Un videoxogo galego acada o recoñecemento dun fondo para desenvolvementos independentes
Compartir Este Artigo
