Estaba previsto que este verán chegase ás tendas para Nintendo 3DS o xogo Kingdom Hearts 3D: Dream Drop Distance, que mestura personaxes da Disney cos de Square Enix nunha aventura para toda a familia que deberiamos ter nas tendas o vindeiro día 27, pero hoxe Nintendo Ibérica sorprendeunos co anuncio de que rexeitou distribuír o título en España despois de que a división europea de Square Enix anunciase que o xogo non chegaría traducido ao español, contando só con subtítulos en inglés, francés e alemán, o que claramente sería un grande problema para o seu público obxectivo.
Esta reacción de Nintendo Ibérica respondería en boa medida a unha reacción furibunda en foros e redes sociais ante o anuncio de que o xogo non chegaría a España correctamente localizado, en boa medida porque unha das marcas da casa é a tradución ao español da meirande parte dos títulos que achega ao noso territorio.
Os interesados neste título poderán conseguir de xeito doado unha copia de importación (por exemplo, do Reino Unido) a partir do 20 de xullo, e posiblemente tamén conte cunha distribución limitada en España, pero sen a colaboración de Nintendo.
Nintendo Ibérica non distribuirá Kingdom Hearts 3D por non chegar traducido ao español
Compartir Este Artigo
