Os videoxogos baseados en películas tenden a non dar o talle por estar feitos ás presas, de xeito que o seu acabado é moi inferior ao que correspondería ás súas producións para pantalla grande, pero deixar pasar tal oportunidade de negocio non parece agradar á industria, que atopa nas plataformas móbiles un xeito ideal de poder comercializar un videoxogo sobre as últimas estreas sen precisar de varios anos de desenvolvemento, e nesta liña teremos o vindeiro venres para iOS e Android o xogo The Dark Knight Rises, inspirado na nova película de Batman, e que coincidirán en data de estrea.
A compañía responsable deste título non é outra que Gameloft, compañía moi afeita aos dispositivos móbiles, que non só adaptará a película a smartphones, senón que tamén lanzará versións para terminais con Java. Contará con multitude de misións e eventos aleatorios nos que encarnaremos a Batman, heroe que terá que solucionar situacións con reféns, fuxidas da cadea e persecucións para protexer a cidade de Gotham. Conta cun sistema de loita que combina distintos movementos con efectos cinemáticos, e tamén permite a localización de obxectos ocultos pola cidade para desbloquear melloras e novas habilidades de loita do Cabaleiro Escuro. Non faltarán nesta aventura o gancho (para moverse pola cidade e derrotar inimigos), o batarang ou a bat-moto.
Resulta evidente que estaremos ante un xogo que distará moito de Batman: Arkham City, pero servirá para que os seareiros da nova película de Kevin Nolan poidan vivila dun xeito máis interactivo a través do xogo móbil do que podemos ver un adianto no seguinte vídeo:
Gameloft estreará esta semana un xogo móbil baseado na nova película de Batman
Compartir Este Artigo
