Aínda que a piratería de videoxogos en plataformas móbiles como as de Apple parecese algo residual por precisar facer jailbreak aos dispositivos para poder acceder a aplicacións móbiles non oficiais, no caso de dispositivos con Android a cousa é ben diferente, o que provoca que sexa practicamente imposible vender xogos a través de Google Play, o que forzou aos responsables de Dead Trigger (xogo que para iPhone e iPad está á venda por 0,79 euros) a ofrecer o xogo totalmente de balde, pois detectaron que o seu nivel de piratería era xigante pese a estarmos ante un xogo que custa menos dun euro (moito menos que os 4,99 euros que custa o maior éxito desta compañía, Shadowgun).
Que este xogo de acción en primeira persoa tivese que seguir este camiño é unha moi mala nova para Android como plataforma de xogo, pois supón un aviso para outros desenvolvedores, que poderían ter que desbotar tal sistema (por outra banda moito máis complexo que iOS pola diversidade dos seus terminais) ante a imposibilidade de controlar as copias masivas dos seus produtos.
Sobre este mesmo tema falamos hai poucos días cun estudo de desenvolvemento galego e aseguraron que xa circulaban milleiros de copias dun xogo que aínda non ten versión definitiva, o que fíxolles perder a confianza en Android, polo que van centrar os seus esforzos nas versións para iOS, que teñen máis doado acadar un retorno do investimento.
Trailer de Dead Trigger
Comparativa en vídeo do xogo para Android nun dispositivo básico e noutro cunha gráfica nVIDIA Tegra 3
