Que Microsoft vaia comezar a comercializar equipos informáticos, concretamente os dispositivos Surface, preocupaba aos socios da compañía, que temían que a empresa de Redmond adoptarse prezos moi axustados para gañar unha importante cota de mercado en poucos meses, chegando a rumorearse que o tablet Surface con Windows RT custaría 199 dólares, pero nunha entrevista concedida por Steve Ballmer ao The Seatle Times dáse a entender que non será así, e o máximo responsable de Microsoft afirma que un bo prezo para un equipo informático estaría entre “300 dólares e 700 ou 800 dólares”, dando así a impresión de que o Surface con procesador ARM custaría 300 dólares, mentres que o modelo con procesador Intel e Windows 8 achegaríase aos 700 dólares, prezos cos que sería posible competir por parte dos distintos fabricantes que integran Windows nos seus ordenadores.
Ballmer asegura que o público non percibe o iPad como un produto caro, á vez que pensa que os tablets de 199 dólares non son considerados como o mesmo tipo de dispositivo (senón que se deixan para usos máis básicos) de aí que non apunten tan baixo no rango de prezos á hora de estrear un tablet de Microsoft.
Na mesma entrevista Ballmer tamén asegura que Windows 8 vai ser o principal lanzamento de Microsoft dende a chegada de Windows 95, agardando que nesta ocasión cheguen a acadar un maior impacto. Tamén reitera que o sector do PC segue a ser moi sólido, e incluso matiza que hoxe xa é moi difícil diferenciar entre o que é un ordenador e o que é un tablet.
No tocante ao sector móbil, Ballmer tamén confía en que Windows Phone 8 teña éxito, tanto pola solidez do seu software e a integración co resto do ecosistema de Microsoft, como pola calidade do seu hardware.
Steve Ballmer perfila o rango de prezos nos que estará o Microsoft Surface
Compartir Este Artigo
