Esta tarde puidemos ver unha nova entrega de Nintendo Directs, na que Satoru Shibata anunciou novidades da súa compañía para os vindeiros meses en Europa, centrándose nas plataformas portátiles, destacando especialmente o anuncio de que Paper Mario: Sticker Star para 3DS chegará ás tendas o vindeiro 7 de decembro, converténdose nun dos grandes xogos para o Nadal e recuperando así unha franquía que xa visitara a Nintendo 64, a GameCube e a Wii. Pola contra, o irmán de Mario non estreará o seu Luigi’s Mansion 2 ata o primeiro trimestre de 2013, dando a impresión de que Nintendo busca dosificar os seus grandes xogos para cumprir coa promesa de manter un fluxo constante de títulos para a súa consola portátil.
Trailer de Paper Mario: Sticker Star
Outra saga na que Shibata incidiu moito é a de Pokémon, que vai estrear Pokédex 3D Proo 8 de novembro, o xogo de DS Pokémon Edición Blanca/Negra 2 o 12 de outubro e incluso porán á venda unha edición limitada da Nintendo 3DS XL de Pikachu da que aínda non deron detalles sobre a súa comercialización (agardándose a chegada de poucas unidades antes do Nadal).
Tamén se anunciaron outros lanzamentos como Sakura Samurai para o 11 de outubro, El Profesor Layton y la Máscara de los Prodigios o 26 de outubro, New Style Boutique para o 16 de novembro, Fallblox, Virtue’s Last Reward e Aeroporter en novembro, Crimson Shroud en decembro e Hydroventure: Spin Cycle antes de rematar o ano. Xa para marzo de 2013 tamén confirmaron que teremos Monster Hunter 3 Ultimate para marzo de 2013.
Vídeo íntegro do Nintendo Direct desta tarde
O Paper Mario para Nintendo 3DS sairá á venda o 7 de decembro
Compartir Este Artigo
