Nas últimas horas Chillingo e Mattel estrearon por 0,89 euros na App Store o xogo He-Man: The Most Powerful Game in the Universe, aplicación universal que facilita gozar nos dispositivos móbiles de Apple dun enfrontamento entre o poderoso He-Man e Skeletor, para manter seguros os segredos do Castelo de Grayskull, como puidemos ver na serie de televisión que emitían na Galega a finais dos anos 80. O xogo para iOS adopta unha mecánica sinxelaEste divertido xogo aproveita a forza da nostalxia ao permitir rememorar a clásicos personaxes como He-Man, Man-at-Arms e Orko, cunha aparencia de debuxo animado un tanto esaxerado, como pode apreciarse na hipertrofia muscular de He-Man ou nos inimigos xigantes que aparecen nalgúns momentos do xogo a xeito de xefes finais (entre os que figuran dende Beast Man ata Skeletor). O control do xogo é moi sinxelo, repartindo a pantalla en dúas áreas (na zona esquerda contrólase a dirección e na dereita a acción), repartindo as aventuras en 27 niveis repartidos en 7 áreas, adoptándose tamén un sistema de puntuación moi habitual en xogos móbiles (de xeito que ao superar un nivel podemos conseguir ata 3 estrelas). Un xogo tan sinxelo como divertido, do que incluso poden gozar os que non coñeceran a serie de animación e a colección de figuras de acción nos que se basea.