Aínda que os comezos da Nintendo 3DS foron un tanto difíciles por mor do seu elevado prezo de saída e o reducido catálogo de xogo, unha vez que rebaixou o seu prezo e recibiu títulos da grandes franquías de Nintendo (como Mario e Zelda) as cousas mudaron drasticamente, e agora publican que entre a Nintendo 3DS e 3DS XL venderon preto de 6 millóns de unidades nos EE.UU. e máis de 22 millóns de unidades a nivel global a data do 30 de setembro, o que veu acompañado pola venda de 64,45 millóns de xogos, cantidades moi significativas, que deixan quedar moi mal parada á consola portátil de Sony, a PS Vita, que a nivel mundial apenas tería colocado 3,2 millóns de unidades.
Nintendo amosa estes números no momento que anuncia que o vindeiro venres, coñecido como Black Friday nos EE.UU., vai por á venda no mercado americano un novo paquete que inclúe unha Nintendo 3DS de cor vermello co xogo Super Mario 3D Land preinstalado, ou sexa, que o xogo incluiríase de balde no lote que agardamos que chegue a Europa de cara á campaña de Nadal.
A Nintendo 3DS supera os 22 millóns de unidades vendidas
Compartir Este Artigo
