Dende onte xa está dispoñible como aplicación universal para iPhone e iPad o xogo Grand Theft Auto: Vice City, que celebra o seu 10º aniversario co seu salto a dispositivos móbiles, mellorando tamén os seus gráficos para adaptarse ás posibilidades dos nosos trebellos, como tamén fai co seu sistema de control. O xogo está á venda por 4,49 euros e ofrece as mesmas posibilidades que a súa versión orixinal para PC, de xeito que garante moitas horas de xogo, á vez que tamén permite adaptar o control aos gustos do usuario, gardar partidas en iCloud e xogarse coa nosa música favorita de fondo (para o que temos que crear unha listaxe de reprodución titulada VICECITY e seleccionando no xogo a emisora de radio Pletina).
O lanzamento deste xogo tamén inclúe a un número limitado de dispositivos con Android, aínda que no momento de escribir estas liñas o xogo desaparecera de Google Play, onde estivo presente durante uns momentos, pero eliminouse da tenda de aplicacións ao detectarse fallos que tardarán uns días en corrixirse.
Trailer do xogo co tema Self Control de Laura Branigan como ambientación musical
