En 1992 chegou ás tendas o Simulador Profesional de Fútbol de Dinamic, compañía que editou este PC Fútbol ata o seu peche en 2001, para retomarse a súa publicación por parte de Gaelco entre 2005 e 2007, chegando a ser o xogo máis vendido para PC durante 2005 (pese a que o xogo estaba inzado de fallos). Hai un par de anos anunciouse a volta de tal marca, adquirida por Korner Entertainment (editora de My Fireplace, produto desenvolvido polo estudo galego Continental Games) en 2009, pero o novo PC Fútbol non chegou a ver a luz (agás pola edición dun ridículo PC Fútbol Liga Trivia).
Agora, grazas a un comentario realizado a través de Twitter, desvelan que os creadores do PC Fútbol orixinal levan máis dun ano traballando en segredo en FXFútbol, información confirmada por Carlos Abril, director de desenvolvemento dos primeiros PC Fútbol, e actual director xeral de Cocodrile Entertainment (estudo detrás de Zack Zero), que asegura que en FXFútbol 1.0 buscan recuperar a esencia do seu anterior xogo.
Ao parecer, o xogo leva 18 meses en desenvolvemento e anunciarase oficialmente dentro dun par de semanas, quedando a dúbida de se con este xogo conseguirán estar á altura de xogos como Football Manager, saga consolidada que xa recuperaba o espírito de PC Fútbol, aínda que desenvolvido en Reino Unido.
FXFútbol 1.0 será un novo simulador deportivo dos creadores de PC Fútbol
Compartir Este Artigo
