Os amantes dos xogos de acción con forte compoñente cooperativa que están a agardar ao lanzamento de Army of Two: The Devil’s Cartel o vindeiro 29 de marzo poderán paliar a espera en breve, pois Electronic Arts anuncia que a súa versión de demostración estará dispoñible para a súa descarga para PlayStation 3 e Xbox 360 a partir do 12 de marzo.
O xogo permite meterse na pel dos mercenarios Alpha e Bravo nunha misión para rescatar a un político secuestrado, pasando por escenarios variados que van dende os sotos dun laboratorio de drogas ata o tellado dun rañaceos. Os protagonistas deberán enfrontarse a hordas de membros do cártel, colaborando para sobrevivir, e con momentos nos que deberán repartirse distintos roles para poder protexer a vida de inocentes.
Este título desenvolvido por Visceral Games fai uso do motor gráfico Frostbite 2, pode xogarse en cooperativo tanto en liña como a pantalla partida e os usuarios que o reserven antes do seu lanzamento poderán recibir de balde o Hit-Makers Kit, que incluirá unha misión especial para xogar como os personaxes de Big Boi e B.o.B. e tamén máscaras e armas exclusivas.
Último trailer de Army of Two: The Devil’s Cartel
O novo Army of Two terá demo o martes que vén
Compartir Este Artigo
