
Na páxina web de EA detallan os pasos para poder facerse cun destes xogos de balde a partir do vindeiro xoves, e queda agora por ver se os servidores de EA non se ven superados por esta promoción, pois SimCity conseguiu vender 1,1 millóns de copias nas súas 2 primeiras semanas, e dado que os xogos en promoción adquírense mediante descargas de grande tamaño, é de agardar que a tenda de xogos de EA non remate o mes cun funcionamento moi fluído.
Pero a xenerosidade de EA ao compensar aos usuarios cun xogo completo tampouco satisfai a todos os afectados, pois a frustración de non poder xogar a un título adquirido é grande, especialmente cando se descubriu que os problemas só responden ás medidas anti-copia do xogo, pois detectouse que a necesidade de ter que contar con conexión á Rede para xogar a SimCity é algo que pode evitarse eliminando unicamente unha liña de código do xogo (o que puido facerse temporalmente de querer que os usuarios puidesen xogar sen problema durante os primeiros días, mentres os servidores de Origin non se escalaran axeitadamente).
Os fallos no lanzamento de SimCity están a provocar unha mala recepción por parte do público, que contrasta enormemente coa resposta inicial da crítica, pois antes da saída do xogo a prensa especializada puido gozar do mesmo sen problema, deixando claro que estamos ante un xogo de grande calidade que vese ensombrecido por unha mala previsión de vendas (quedando EA moi curta á hora de destinar servidores ao xogo).
EA publica a listaxe de xogos entre os que poderán elixir os usuarios de SimCity como compensación
Compartir Este Artigo
