
Ao estarmos no Ano de Luigi, destacáronse algúns dos xogos nos que tomará parte o irmán de Mario, como Mario & Luigi: Dream Team Bros (no que os irmáns deben rescatar á princesa Peach dun mundo de soños, saltando entre o mundo real e o onírico, o que permitirá unhas mecánicas de xogo orixinais e divertidas coas que poderemos gozar a partir do 12 de xullo), Mario Golf: World Tour (xogo de golf cos personaxes dos xogos de Mario que permitirá xogar en liña contra usuarios de todo o mundo) e un Mario Party para 3DS (que ofrecerá 81 minixogos moi variados).
A outras nova relativa a Luigi é que os usuarios de New Super Mario Bros U poderán descargar New Super Luigi U, que mudará o protagonista do xogo e actualizará os seus niveis para ofrecer unha aventura renovada que chegará no verán. Para a consola doméstica tamén comentouse que Pikmin 3 terá un Pikmin alado, que seguirá ao xogador e permitirá transportar obxectos polo aire.
Durante o Nintendo Direct tamén deron conta dun par de xogos moi interesantes que chegarán en maio: Mario and Donkey Kong: Minis on the Move, que poderá mercarse só en formato descargable a partir do 9 de maio; e Donkey Kong Country Returns 3D, que adapta á 3DS o xogo do mesmo nome aparecido en Wii, engadíndolle interesantes novidades e que chegará ás tendas o 24 de maio.
Outro xogo que non podemos esquecer é LEGO City Undercover: The Chase Begins, unha precuela do LEGO City Undercover para Wii U, que chegará o 26 de abril á 3DS, e que contará as primeiras aventuras de Chase McCain ata convertese na lenda que era no xogo de consola doméstica grazas en boa media por atrapar a Rex Fury (unha das misións do xogo). Estará dispoñible a partir do vindeiro día 26.
Cunhas datas de lanzamento máis imprecisas (só sabemos que chegarán este ano) confirmouse que teremos en Europa os xogos Shin Megami Tensei IV (exclusivo para 3DS), Professor Layton and the Azran Legacy (a derradeira historia do profesor Layton) e incluso un impresionante xogo desenvolvido por Square Enix e que leva por título provisorio Bravely Default.
No ámbito do hardware, anunciouse que o 14 de xuño estará dispoñible unha versión da Nintendo 3DS XL co motivos de Animal Crossing: New Leaf e cunha copia do xogo preinstalada.
Con todas estas novas podemos levar a impresión de que Nintendo busca compensar coa súa portátil as malas vendas da súa nova consola doméstica, pois está a acumular unha importante cantidade de grandes lanzamentos para 3DS que de seguro que adorarán os incondicionais das grandes sagas de Nintendo.
Vídeo completo da edición desta tarde de Nintendo Direct
