

Dende Nintendo están a centrar os seus esforzos en mellorar as súas contas, e están a tomar medidas para que o seu vindeiro ano fiscal sexa positivo, marcándose como obxectivo conseguir 100.000 millóns de iens en beneficios, aínda que estes resultados continúan a estar pendentes das flutuacións da súa moeda, que foi un dos factores que máis prexudicou ás compañías nipoas nos últimos anos.
Confianza na Nintendo 3DS
Confían en que boa parte da recuperación de Nintendo sexa grazas ao importante catálogo de xogos para Nintendo 3DS que están a saír e que chegarán nos vindeiros meses, pois a títulos como Animal Crossing: New Leaf, Monster Hunter 4 e Luigi’s Mansion 2 van sumarse grandes lanzamentos como as versións X e Y de Pokémon. Sobre as boas vendas dos xogos de 3DS, Iwata destacou como nos últimos días os xogos Fire Emblem: Awakening e Luigi’s Mansion 2 destacasen nos dous primeiros postos das listaxes de vendas de videoxogos en Alemaña e Francia, demostrando que pese á competencia de smartphones e tablets, as consolas portátiles aínda xogan un importante papel no mercado actual.

A Wii U aproveitará o NFC para pagamentos
Sobre a Wii U queren ser prudentes e non se atreven a facer previsións nin dar datos polo momento, pois consideran que o retraso no lanzamento de numerosos xogos fai que a consola aínda non conseguise consolidarse, e haberá que agardar uns meses para ver o que achegará tal plataforma de cara ao que resta de ano. O que si quixo destacar Iwata sobre a Wii U é o feito de que o seu gamepad incorpora NFC, o que nun principio parecía que ía limitarse a funcionalidades para xogo como Pokémon Scramble U (que fai uso de figuras físicas dun xeito semellante á franquía de Skylanders, pero sen precisar dun accesorio para tal fin) pero agora comentan que están a traballar para aproveitar tamén o NFC como un xeito para realizar micropagamento dun xeito áxil e doado, o que pode que sexa toda unha revolución, pois facilitará o uso de cartos electrónicos na consola (que son o método máis habitual para pagar polo transporte público no Xapón, de aí que tal opción resulte tan atractiva).
Pouca presenza no E3
Aínda que tradicionalmente Nintendo sempre fixo grandes anuncios na feira E3 de Los Angeles, para despois ampliar a información no Tokyo Game Show, este ano decidiron dar un paso atrás, pois son conscientes de que non van presentar hardware novo, polo que quedarían eclipsados polas presentacións das sucesoras da Xbox 360 e a PS3, de aí que prefiran ter unha presenza máis discreta, aproveitando o evento simplemente para adiantar parte do seu calendario de lanzamentos, de xeito que, como nos últimos meses, para ter información de primeira man da compañía xaponesa poderemos acudir aos seus cada vez máis habituais Nintendo Direct.
