A firma galega Teixuapps, creada en 2012, anuncia a apertura dunha nova vía de negocio, que non é outro que a entrada no mundo do desenvolvemento de videoxogos, o que parecen querer facer pola porta grande, xa que farano recuperando algúns dos grandes títulos de referencia da Idade de Ouro do Software Español, levándoos a dispositivos móbiles e á web.
Por unha banda Teixuapps asinou un contrato con Paco Suárez, responsable das licenzas da antiga Opera Soft, o que permitiralle desenvolver e comercializar as evolucións de Livingstone Supongo (primeiro xogo deste popular estudio), Last Mission, Gonzalezzz e Goody, xogos que gozaran de grande sona na época dos ordenadores de 8 bits como o Spectrum ou o Amstrad CPC.
Pero esta empresa viguesa non vai limitarse a resucitar xogos de Opera Soft, senón que incluso apuntou máis alto, achegándose á desaparecida Dinamic ao selar un contrato con Víctor Ruíz, director de I+D de FX Interactive, para pór no mercado os destacadísimos Army Moves e Freddy Hardest.
Os seis xogos que desenvolverá Teixuapps chegarán ao público a través das canles habituais de venda de aplicacións móbiles, así como para web, estando dirixidos “tanto aos nostálxicos que os coñeceron nas súas edicións orixinais como aos seus fillos”, segundo comentou o director da compañía, Marco Durán.
Unha compañía viguesa recuperará 6 videoxogos de finais dos anos 80
Compartir Este Artigo
