Sony Computer Entertainment anunciou en rolda de prensa en São Paulo que a compañía xaponesa vai comezar a fabricar a súa consola PlayStation 3 no Brasil, concretamente nas instalacións de Sony en Manaus, o que contribuirá a ofrecer a PS3 a un prezo máis competitivo. Por exemplo, a PS3 con 250 Gb de disco duro venderase a 1.099 reais (416,28 euros), prezo polo que incluso podería incluír un xogo (como no lote anunciado hoxe no que a consola véndese co xogo God of War: Ascensión).
No acto brasileiro participaron os presidentes e directores xerais da división de lecer de Sony global e de EE.UU., Andrew House e Jack Tretton, asegurando o primeiro que “Sony Computer Entertainment continúa a investir no mercado dos videoxogos no Brasil como parte dun compromiso a longo prazo co país e cos seus xogadores” engadindo que “fabricar localmente a PlayStation 3 en Brasil beneficiará a xogadores, vendedores e desenvolvedores. A fabricación da PlayStation 3 prevén que inxectará na economía brasileira aproximadamente 300 millóns de dólares nos vindeiros 12 meses”.
Pola súa banda, Tretton incidiu no compromiso da súa compañía coa localización dos seus xogos, destacando que a nova produción de Naughty Dog, o agardado The Last of Us, estará totalmente localizado ao portugués de Brasil no seu lanzamento global á vez que o non menos relevante Grand Theft Auto V contará por primeira vez con subtítulos en portugués de Brasil.
Para celebrar o comezo da fabricación da PS3 no Brasil lanzan unha campaña na que permitirán que 10 xogadores brasileiros poidan facerse cunha das PS3 fabricadas no seu país.
De todos os xeitos no Brasil non faltan as voces críticas que apunten que a fabricación da PS3 no seu territorio chega moi tarde, pois está previsto que a finais de ano estrea á venda a PS4, polo que sería unha aventura con moi pouco percorrido.
Vídeo no que podemos ver as instalacións en Manaus nas que fabricarán as consolas PlayStation 3
Sony comeza a fabricar consolas PS3 no Brasil
Compartir Este Artigo
