Zynga, a compañía detrás de grandes xogos de éxito como FarmVille e Cityville en Facebook ou Words With Friends (título que inspirou a Apalabrados) nos móbiles estrea na App Store Running with Friends, un xogo Free-to-Play na liña do popular Temple Run, que, en vez de estar ambientado nunhas ruínas nas que un explorador ten que fuxir dun simio xigante, leva a acción ás rúas de Pamplona durante os San Fermíns, para ter que correr polas rúas fuxindo dun touro, recollendo moedas, evitando obstáculos e, en definitiva, correndo o máximo posible.
Como é habitual en Zynga, o xogo ten a súa compoñente social, polo que busca que os usuarios procuren superar as marcas dos seus amigos (de aí que precise de identificación mediante Facebook ou cun usuario creado na plataforma en liña de Zynga) cos que podemos competir en partidas de 3 quendas cada unha, na liña de xogos como Mezcladitos.
Aínda que o xogo é de balde, é posible adquirir xemas que facilitan o poder continuar as partidas sen ter que volver ao comezo ou adquirir distintos disfraces para personalizar o noso avatar (que incluso pode aparecer disfrazado de ninja, gato, yeti ou cabaleiro medieval), fórmula que parece estar a funcionar moi ben entre os xogos que conseguen xuntar a un importante volume de usuarios.
Zynga anímanos a correr virtualmente nos San Fermíns
Compartir Este Artigo
