A curiosa fórmula de venda de videoxogos promovida por The Humble Bundle, que permite ao usuario final elixir tanto o prezo que paga polos xogos como o reparto que se fai dos cartos entre os seus desenvolvedores, a caridade e os organizadores desta plataforma, continúa a achegar abraiantes ofertas como a que veñen a integrar na súa serie de ofertas semanais e que permite facerse con Alan Wake: Collector’s Edition, lote de 2 xogos valorados de xeito independente en 37,99 euros (31,99 euros de adquirise xuntos) por un prezo libre que parta de só 1 dólar.
Os usuarios que adquiran esta oferta a través do Humble poderán facerse cun código de descarga que pode trocarse na plataforma Steam, como se tiveran mercado alí os xogos directamente, o que resulta moi cómodo para o comprador (que pode instalar os xogos comprados cando o desexen).
A promoción actual inclúe o xogo Alan Wake, primeiro desta franquía de acción e aventura, con toques de supervivencia e terror, que destaca pola súa narrativa case televisiva; completando esta primeira entrega con Alan Wake’s American Nightmare, unha historia totalmente independente da anterior, que buscaba ofrecer máis para os xogadores que quedaron con máis ganas de loitar contra a escuridade. Aparte dos xogos, o lote tamén inclúe material adicional como os episodios especiais The Signal e The Writer, vídeos, un libro ilustrado en formato PDF e incluso a banda sonora do xogo. Sen dúbida unha oferta difícil de rexeitar.
Os xogos de Alan Wake ofértanse esta semana a un prezo que parte de 1 dólar
Compartir Este Artigo
