A informática clásica da pé a auténticas pezas de museo, que no caso de continuar operando correctamente poden ter un prezo realmente prohibitivo, como vén de demostrarse na casa de poxas alemá Auction Team Breker, onde a pasada fin de semana venderon por 671.400 dólares un ordenador Apple I orixinal de 1976 en perfecto estado, superando a anterior marca da casa (cun equipo semellante por 640.000 dólares) e a bastante distancia dos 374.500 dólares que en xuño de 2012 pagaran por un ordenador das mesmas características en Sotheby’s (New York).
Estas cantidades desproporcionadas responden a fascinación polos primeiros anos da historia da informática doméstica, que levan á xente a pagar ata mil veces o prezo orixinal dos produtos (o Apple I vendíase a 666 dólares, que incluso aplicando a inflación serían só 2.700 dólares).
Segundo a casa de poxas o comprador do equipo foi un emprendedor do Oriente Próximo que quere manterse no anonimato, mentres que o equipo vendido pertencera orixinalmente a un enxeñeiro eléctrico de Nova Orleans, Fred Hatfield, quen o vendeu hai pouco a un mozo da industria do software de Texas por 40.000 dólares. O propietario orixinal matizou que o equipo non estaba operativo, polo que é de agardar que foi arranxado antes de pórse á venda en poxa.
Venden un Apple I de 1976 por 671.400 dólares
Compartir Este Artigo
