Durante a xornada de hoxe IGN publicou unha análise do xogo Star Wars: Knights of the Old Republic para iPad, adaptación para tablets de todo un clásico do universo de Star Wars que poucas horas despois veu a luz na App Store, o que facilita o seu goce en mobilidade a quen estea disposto a pagar 8,99 euros e reservar 1,98 Gbytes de espazo para este título (realmente precisa de 2,5 Gb libres para a súa instalación).
Estamos ante un dos mellores xogos de rol para PC e Mac, que agora chega a iPad, e que permite desenvolver as nosas habilidades, controlando a Forza e podendo elixir se salvar a República ou ceder ante a tentación do Lado Escuro, o que determinará o destino da galaxia.
Knights of the Old Republic reproduce a épica experiencia de Star Wars, plasmando as especies que podiamos ver nas películas da saga galáctica, permite empregar máis de 40 poderes da Forza e construír unha espada de luz, permite vivir aventuras por planetas como Tatooine e Kashyyyk e viaxar nunha nave espacial. Para facilitar o seu control, a súa interface de uso simplificouse para a pantalla táctil do iPad, e aínda que non sexa a mellor versión do xogo, supón unha boa oportunidade para lembrar este clásico ou para probalo unha primeira vez.
O clásico Star Wars: Knights of the Old Republic estrea versión para iPad
Compartir Este Artigo
