Esta tarde Konami realizou unha presentación previa á feira E3 na que querían dar conta dunha serie de novidades sobre os futuros xogos de Metal Gear Solid, Pro Evolution Soccer e Castlevania: Lords of Shadow, e aínda que o PES 2014 confirmase que contará cun novo motor e novas prestacións, e o xogo desenvolvido polo estudio español MecurySteam dentro da franquía Castlevania estrease trailer, as novas sobre Metal Gear Solid V eclipsaron a todo o demais, principalmente ao anunciarse que o actor que porá voz a Snake, o heroe da saga, será o popular Kiefer Sutherland (lembrado por boa parte do público polo seu papel como Jack Bauer na serie televisiva 24).
Sutherland interpretará a voz e os xestos faciais de Snake, que no novo xogo terá 49 anos de idade, detalle que aproveitan para xustificar o cambio de actor de dobraxe, xa que ata o momento era David Hayter (na súa versión en inglés) quen desempeñaba tal rol. Cómpre destacar que en España era o actor Alfonso Vallés quen dobraba a Snake, pero só no xogo Metal Gear Solid de 1999 (o resto de títulos da saga chegaron en inglés).
Vídeo da presentación de Konami desta tarde
Kiefer Sutherland dobrará a Snake en Metal Gear Solid V
Compartir Este Artigo
