Aínda que a participación de Nintendo no E3 deste ano é moi tímida, pois a compañía xaponesa non quere estar entre o fogo cruzado entre Microsoft e Sony, aproveitaron a celebración para publicar unha nova entrega de Nintendo Direct na que destacan moitos dos xogos que chegarán no que resta de ano para as súas consolas, dando especial relevancia á Wii U, que ao non estar a callar no mercado ten que recibir unha vaga de grandes títulos que poidan facerlle gañar algunha relevancia para non converterse nunha consola invisible para o público.
Entre os novos xogos que chegarán á Wii U desvelouse que para o mes de decembro teremos Super Mario 3D World, xogo en 3D de ata 4 xogadores que chega da man dos responsables de Super Mario 3D Land e Super Mario Galaxy (cos que garda certas semellanzas) e que permitirá controlar a Mario, Luigi, a princesa Peach e Toad a través de numerosos niveis, contando como grande novidade cun potenciador que converte aos personaxes en felinos que poden rabuñar aos inimigos e trepar por numerosos obstáculos; Donkey Kong Country: Tropical Freeze será a estrea desta franquía de Donkey Kong Country na alta definición, incorporando como personaxe secundario a Dixie Kong e estando previsto o seu lanzamento para o mes de novembro; en outubro deberá saír o xa coñecido remake en alta definición de The Legend of Zelda: The Wind Waker; outro peso pesado que chegará para a consola doméstica de alta definición será o Mario Kart 8, aínda que haberá que agardar ata a primavera de 2014 para poder facerse con el; PlatinumGames estreará o 23 de agosto The Wonderful 101; o mesmo estudio tamén amosou escenas de acción de Bayonetta 2, xogo previsto para 2014 como o novo xogo de Monolith Software (que presenta certos aires con Xenoblade Chronicles); o vindeiro outubro Wii Party Uxuntará 80 novos minixogos que poderán xogarse empregando só o GamePad da Wii U; Art Academy tamén terá versión para a consola doméstica; Wii Fit U adía o seu lanzamento ao mes de decembro e Super Smash Bros. Para Wii U será un título moi especial, que xuntará a moitos loitadores de distintas franquías, contando con novos personaxes moi especiais como o clásico Mega Man, un personaxe de Animal Crossing e incluso a adestradora de Wii Fit.
Pero Super Smash Bros. Non estará só dispoñible en Wii U, senón que tamén contará con versión para Nintendo 3DS, saíndo ambos en 2014, mentres que para a portátil os xogos que si se confirmaron para este ano (o 12 de outubro, para ser exactos) son os Pokémon X e Pokémon Y, que serán éxitos seguros.
Aparte dos xogos mencionados, estes días no E3 tamén están presentes outros xogos anunciados previamente, como Pikmin 3, New Super Luigi U e Mario & Sonic en los Juegos Olímpicos de Invierno – Sochi 2014 para Wii U e The Legend of Zelda: A Link Between Worlds, Yoshi’s New Island e Mario & Luigi: Dream Team Bros. para Nintendo 3DS. Todos grandes títulos que enténdense como unha aposto de Nintendo polo seguro para intentar potenciar a súa presente xeración de consolas de videoxogos, que están a vivir momentos difíciles que parecen provocados non polos que poderían parecer os seus competidores naturais (Sony e Microsoft) senón pola emerxencia de tablets e smartphones como plataformas de xogo.
Vídeo completo do Nintendo Direct de hoxe
