Aínda que o uso de Twitter é moi inferior ao de Facebook, tal plataforma de comunicación conseguiu gañarse o favor dos medios de comunicación (especialmente da televisión) a través dos Trending Topics e os hashtags, que tanto nutren de contidos destacando temas de actualidade como serven para establecer fíos de conversa públicos, e a compañía de Mark Zuckerberg non podía deixalo estar, polo que anuncia hoxe a súa adopción dos hashtags.
Dende agora Facebook contará con hashtags, ou sexa, etiquetas nas que poderemos pinchar para descubrir contidos asociados ao tema que representan, permitindo que tamén os usuarios engadan tal etiqueta ás súas publicacións para indicar que pertencen a unha conversa máis ampla, como pode ser unha discusión sobre un evento público, sobre un equipo deportivo ou practicamente calquera materia como xa se fai en Twitter, Tumblr e outras plataformas sociais.
Cos novos hashtags de Facebook poderanse realizar consultas dende a barra de busca; poderase picar sobre hashtags orixinados noutros servizos (como Instagram) e poderanse compor publicacións directamente dende o fluxo do hashtag e os resultados de busca.
Estamos ante un primeiro paso para facer máis doado ver o que a xente está a comentar en Facebook, seguindo claramente o camiño marcado por Twitter, polo que os vindeiros meses van ser moi interesantes de cara a coñecer se este enfrontamento muda o taboleiro de xogo actual.
Facebook súmase á moda dos hashtags
Compartir Este Artigo
