O xogo de Naughty Dog The Last of Us, pese a ser exclusivo para PlayStation 3, está a converterse no grande éxito de vendas do presente ano, tendo moitas bazas para converterse no mellor xogo de 2013 pese a que tal galardón tenda a recaer en títulos que se estrean de cara á campaña de Nadal, e como mostra deste éxito temos que no Reino Unido é o primeiro xogo do presente ano en conseguir liderar as vendas durante 4 semanas consecutivas, algo que non acadaron grandes títulos como Bioshock Infinite ou Tomb Raider.
A listaxe de vendas británica situaría nun segundo posto a versión de Xbox 360 de Minecraft, seguido por FIFA 13, Animal Crossing: New Leaf e Assassin’s Creed III, xogos con bastante traxectoria, o que fai que o logro acadado por Naughty Dog sexa aínda máis destacable. Na mesma listaxe tamén destacan algúns títulos que están a conseguir unha resposta mellor da que poderiamos agardar, como o xogo de Masacre (Deadpool en inglés) que conseguiu un meritorio posto 9º en vendas cando estamos ante un título bastante modesto que como principal atractivo ten a mestura de violencia e humor (e non precisamente o seu apartado técnico). Como a única novidade da última actualización da listaxe de vendas estaría Project X Zone, xogo de loita de Namco Bandai para Nintendo 3DS que conseguiu facerse un oco no posto 18, o que non está nada mal para un título de tal xénero para unha consola portátil.
The Last of Us lidera as vendas de videoxogos en Reino Unido por cuarta semana consecutiva
Compartir Este Artigo
