Tras o éxito de crítica e público do seu xogo baseado na serie de comics The Walking Dead, dende Telltale Games dan unha oportunidade a outra obra da banda deseñada para convertelo nunha aventura gráfica, sendo agora a serie Fábulas de Bill Willingham (editada dentro da liña Vertigo de DC Comics) a que poderá vivirse a través do xogo The Wolf Among Us, que promete unha calidade e unha aparencia moi semellante ao anterior éxito de Telltale.
A historia está baseada no universo fantástico creado por Willingham no que o mundo dos contos colide coa realidade, amosando aos personaxes das fábulas humanizados en historias escuras moi afastadas dos finais felices aos que estamos afeitos.
Con The Wolf Among Us teremos unha precuela da serie de comics, na que o sheriff Bigby Wolf (o Lobo Feroz) investiga un asasinato, á vez que haberá que manter o segredo de que os personaxes dos contos están no mundo real. Brancaneves será un dos personaxes chave desta historia, desenvolvendo unha relación con Bigby moi coñecida polos lectores dos comics.
O novo xogo aproveita a experiencia con The Walking Dead e contará cun sistema de eleccións e consecuencias evolucionado, de xeito que as decisións do xogador afectarán aínda máis á historia, instando a vivir a experiencia varias veces para poder explorar os diferentes camiños a seguir.
The Wolf Among Us sairá en episodios para PC, Mac, iPad, iPhone, PS3, Wii e Xbox 360, e grazas a IGN podemos ver o aspecto que terá en acción:
Telltale prepara un xogo inspirado no cómic Fábulas
Compartir Este Artigo
