Está a converterse nunha tónica habitual que os xogos que inicialmente son exclusivos para consolas portátiles, e que forman parte dunha saga, rematen contando con versións para consolas domésticas para que os usuarios que non gusten de xogar en plataformas portátil poidan gozar igualmente das sagas enteiras e o último título do que sabemos que recibirá tal tratamento está Assassin’s Creed Liberation, primeira entrega da franquía Assassin’s Creed protagonizada por unha muller (Aveline) e que ata o momento era exclusivo de PlayStation Vita.
Ubisoft anuncia agora que Assassin’s Creed Liberation HD chegará a PlayStation 3, Xbox 360 e PC con gráficos en alta definición, pulidos na xogabilidade, melloras gráficas e incluso novos niveis, que chegará pronto en formato descargable.
Trailer de Assassin’s Creed Liberation HD
Paralelamente Ubisoft tamén deu a coñecer que os usuarios de smartphones e tablets poderán gozar dende este outono cun novo título da franquía, Assassin’s Creed: Pirates, no que adoptaremos o papel de Alonzo Batilla e exploraremos o Caribe nun navío que poderemos mellorar e co que participaremos en batallas navais en tempo real. Recrutar tripulación, armar o navío e buscar tesouros non será o único que ofreza este novo título, senón que tamén tenderá pontes con seu irmán para consolas domésticas, Assassin’s Creed IV: Black Flag, pois algúns dos seus personaxes (como o pirata Barbanegra) aparecerán neste xogo para dispositivos móbiles.
