Rockstar Games decidiu que o modo de xogo en liña de GTA V chegase semanas despois do lanzamento do xogo para que esta funcionalidade non eclipsase ao xogo principal, e finalmente chega hoxe Grand Theft Auto Online, que incorpora unha experiencia de xogo totalmente nova, por permitir participar nun mundo en liña para varios xogadores que estará vivo (continuará desenvolvéndose e tomando forma co paso do tempo), sendo os xogadores os que darán forma a GTA Online.
As primeiras 2 semanas de actividade en liña serán unha especie de fase de probas, na que axustarán o xogo para poder funcionar con millóns de usuarios reais, e esperan comezar a engadir contido a este mundo virtual en pouco tempo, así como dar aos propios usuarios a posibilidade de crear os seus propios contidos.
GTA Online ofrece un mundo aberto de delitos e caos, no que convídase aos usuarios a xuntarse cos seus propios amigos neste contorno virtual para facer numerosas actividades (dende pasear e practicar deporte, ata organizar atracos); están dispoñibles numerosas actividades que poderán facerse tanto en solitario como de xeito cooperativo; será posible facer carreiras que van dende a clásica competición urbana ata carreiras de barcos; simúlanse numerosos deportes (tenis, golf, paracaidismo…) cos que gañar cartos e reputación; os personaxes poden personalizarse (os cartos do xogo poden gastarse en roupa, vehículos, armas…); e na modalidade en liña teremos que manter un bo nivel de reputación e liquidez (será posible adquirir cartos virtuais mediante micropagamentos con cartos reais).
Aínda que é de agardar que nos vindeiros días se localicen numerosos fallos en GTA Online, cando o xogo estea máis pulido comezará a recibir novos contidos entres os que xa están planificados un creador de contido, un lote para os amantes da praia, un modo de captura a bandeira e misións cooperativas de golpes (nos que haberá que planificar e executar pormenorizadamente unha serie de accións para completar con éxito o cometido).
Hoxe bota a andar GTA Online
Compartir Este Artigo
