Nun momento no que os xogos musicais tipo Rock Band ou Guitar Hero están fóra do mercado poderiamos pensar que non existe demanda deste xénero, pero a realidade non parece concordar, e como grande exemplo de que os xogos que permiten facer uso de temas musicais reais poden seguir a callar no público temos a recente chegada á Windows Phone Store de SongArc, un título que na súa primeira semana conseguiu liderar a categoría de música da tenda de aplicacións e converteuse nun dos xogos mellor valorados, con máis de 800 puntuacións que danlle unha nota media de 4,8 sobre 5.
SongArc é un xogo que permite reproducir a música que teñamos cargada no noso móbil, sempre que algún usuario tivese creado a súa partitura virtual para poder interpretala ao xeito do xogo, que consiste nun arco de cores ao que van parar estrelas descendentes sobre as que temos que premer cos dedos. O xogo tamén ten a posibilidade de activar a posibilidade de seguir a batería, de xeito que de cando en vez aparecerá unha onda na pantalla que incrementará a nosa puntuación se movemos o móbil no momento que cruza o arco multi-cor. Non faltan no xogo barra de enerxía e barra de combos (para poder activar un modo especial cando está chea), moi na liña dos títulos musicais de Harmonix.
Uns 15.300 usuarios descargaron xa SongArc, crearon unhas 1.800 partituras e botaron unhas 83.288 partidas, cantidades que posiblemente se multipliquen en poucas horas, ao saberse do bo inicio que está a ter este xogo que podemos descargar de balde e que non sería de sorprender que en poucos meses contase con versións para outras plataformas móbiles repetindo o éxito actual.
Un novo xogo musical causa furor en Windows Phone
Compartir Este Artigo
