Hai un par de anos soubemos que os fineses Comfox & Bros estaban a traballar en Oceanhorn: Monster of the Uncharted Seas, considerado como o Zelda de iOS (pola súa semellanza co xogo The Legend of Zelda: The Wind Waker), xogo que finalmente veu a luz para iPhone e iPad a un prezo de 7,99 euros, que parece máis que xustificado se vemos que é un xogo que garante máis de 10 horas de diversión a través da súa historia, conta cuns gráficos moi coidados e incluso goza dun excepcional apartado sonoro grazas á música de mestres como Nobuo Uematsu (principal autor dos temas de Final Fantasy) e Kenji Ito (creador da música das series Mana e SaGa).
Oceanhorn métenos na pel dun neno que ten que explorar as illas dos mares inexplorados para converterse nunha lenda ao percorrer un mundo cheo de perigos, resolver múltiples quebracabezas, enfrontarse a monstros, aprender a usar a maxia e descubrir tesouros antigos. Este xogo de acción e aventuras ten uns impresionantes gráficos 3D (polo que é esixente en hardware, de xeito que só funciona en dispositivos a partir de iPhone 4S, iPod Touch de 5ª xeración e iPad 2 ou mini), manéxase mediante xestos táctiles e tamén é compatible con mandos de xogos (en iOS 7).
Este xogo editado por FDG Entertainment conta con textos en varios idiomas (entre os que non faltan o español e o portugués) e promete converterse en todo un referente para os amantes das aventuras de Link na popular saga para consolas de Nintendo.
Vídeo promocional de Oceanhorn
Oceanhorn, un xogo para iOS imprescindible para os seareiros de The Legend of Zelda
Compartir Este Artigo
