Aínda que España non verá oficialmente a PlayStation 4 nas tendas ata o vindeiro día 29, nos EE.UU. e Canadá saíu á venda o pasado venres, no que foi unha grande estrea, asegurando Sony que conseguiron vender un millón de unidades nas primeiras 24 horas, o que é unha magnífica nova para a compañía, pois en norteamérica a plataforma Xbox gozara de máis sona que PlayStation nos últimos anos.
Pero esta estrea non está a ser todo o positiva que podería agardarse, e un dos grandes problemas que está a presentar a nova consola xa comezaron antes da súa chega ás tendas, reportándose incidencias en certas unidades distribuídas anticipadamente entre medios especializados e beneficiarios dunha promoción especial. Este primeiro problema consiste nun fallo no conector HDMI dalgunhas PS4, que teñen unha peza mal ensamblada, o que ten unha solución doada, pero que causou certa alarma inicial (pois que aparezan varias incidencias cando a consola nin sequera estaba á venda podía dar a entender que o número de conectores defectuosos podería ser inmenso).
A PlayStation Network tamén tivo problemas durante as primeiras horas de comercialización da PS4 (desesperando aos usuarios máis impacientes), pero o grande problema que se está a rexistrar nos últimos días é algo moito máis serio, pois un número significativo de usuarios están a queixarse de que a súa nova consola non funciona, amosando unha luz azul oscilante que xa alcuman na Rede como blue light of death (BLoD). Nos foros de soporte de PlayStation 4 non son poucos os que buscan unha solución ao problema, e moitos consumidores que adquiriron a consola a través de Amazon tamén presentan as súas queixas, no que parece ser un defecto de fabricación que algúns chegan a dicir que é culpa dunha sabotaxe por parte de bolseiros de Foxconn, aos que o fabricante obrigou a traballar ensamblando consolas para Sony.
En calquera caso, estamos ante os unha serie de problemas dos que nunca están libres os early adopters, que non só teñen que pagar uns prezos máis elevados polos produtos, senón tamén afrontar as incidencias que poidan xurdir ao comezo, á vez que ter que padecer sistemas que aínda non tiveron tempo para madurar.
Venden un millón de PlayStation 4 na súa estrea norteamericana
Compartir Este Artigo
