Moitos galegos lembrarán como no ano 2001 SEGA cesaba a comercialización da súa consola doméstica Dreamcast (pois naquel momento ocupaba as camisetas do R. C. Deportivo de A Coruña, levando á cancelación do patrocinio do club), que conservou o soporte en Europa ata finais de 2002, cando xa se deu por desaparecida, polo que resulta rechamante que veña de ver a luz un xogo para esta plataforma, Redux: Dark Matters, do que replicaron só un milleiro de unidades, converténdoo en todo un obxecto de coleccionismo.
Este xogo conseguiu facerse realidade grazas a un proxecto de Kickstarter que contou con 649 mecenas, dos que menos dun cento recibiron esta especial edición física en función da súa achega para culminar este shoot’em up de corte clásico.
Agora é posible adquirir o xogo a través de Hucast a un prezo especial de 36 euros (aos que habería que engadir impostos e gastos de envío), o que é unha oportunidade para quen conserve unha Dreamcast en bo estado e queira poder gozar nun xogo na liña de R-Type (co que comparte o autor da súa banda sonora, Chris Huelsbeck). Redux: Dark Matters ofrece unha estética arcade, acción trepidante, numerosas armas e 7 niveis con grandes xefes finais dos que saberán gozar os usuarios máis afeitos a este xénero que precisa de grande destreza para a súa superación.
Trailer de lanzamento deste novo xogo para Dreamcast
Sae á venda un novo xogo de naves para Dreamcast
Compartir Este Artigo
