Nintendo está a preparar o terreo para o lanzamento de Mario Kart 8 para Wii U, para o que publicou hoxe un novo Nintendo Direct no que dan conta de novos detalles sobre a conexión en liña do xogo, novos personaxes, devastadores obxectos e unha promoción de lanzamento a través da que, co rexistro do xogo, conseguirase un código de descarga de balde para facerse cun xogo a elixir entre NintendoLand, Super Mario Bros. U, GAME & WARIO, Pikmin 3, The Legend of Zelda: Teh Wind Waker HD, Sonic Lost World¸ Mario & Sonic en los Juegos Olímpicos de Invierno – Sochi 2014, Wii Party U, Monster Hunter 3 Ultimate e The Wonderful 101. A devandita promoción aplicarase tanto ao xogo solto como á edición limitada da Wii U que incluirá o xogo, sendo preciso realizar o rexistro de Mario Kart 8 no Club Nintendo ata o 31 de agosto para poder beneficiarse desta promoción.

Dentro do xogo contarase coa canle Mario Kart TV, na que os xogadores poderán ver os mellores momentos das súas carreiras e dos torneos nos que participan, coa opción de rebobinar e de reproducir a cámara lenta as secuencias preferidas, sendo posible compartir estes momentos a través de YouTube.
O xogo terá novos obxectos, como unha cuncha con pinchos, a superbucina líquida e o oito tolo (un remuíño de 8 obxectos que poderán empregarse un a un); confírmase tamén a aparición dun par de personaxes femininos: a Peach de ouro rosa e Bebé Estela. Tamén lembran que será posible xogar empregando o noso propio Mii, de xeito que o número total de pilotos chegaría aos 30.
Vídeo no que explican as últimas novidades de Mario Kart 8
Último trailer do xogo
