Hoxe estréase na App Store o xogo Bounden a un prezo de 3,59 euros, propondo que dous xogadores á vez suxeiten un iPhone para interpretar unha coreografía do Ballet Nacional dos Países Baixos, facendo piruetas e xiros, balanceando os brazos, xirando o corpo… de xeito que estarase a bailar case sen querer. Un xogo que pode parecer tan absurdo como orixinal.
Problemas na versión para Android
Pero a estrea de Bounden non está ausente de polémicas, pois hoxe tamén tería que ter saído unha versión para dispositivos con Android, o que finalmente non foi posible pois dende Game Oven atoparon un problema moi grande para facelo funcionar: a grande diversidade de dispositivos con Android e o pouco rigor que moitos fabricantes teñen á hora de implementar nos mesmos un xiroscopio. O estudio comprobou polas malas que algúns dos dispositivos probados tiñan xiroscopios estragados que non funcionan en todos os eixos, que algúns trebellos finxen ter xiroscopio combinando a información do acelerómetro coa do compás dixital, e nalgún caso incluso os móbiles carecían de xiroscopio. Este problema fai que o xogo só poida funcionar ben nuns poucos smartphones con Android, xa que fai un uso exhaustivo do xiroscopio, polo que decidiron adiar a súa estrea en Android antes que lanzar un xogo que tería un resultado catastrófico pese a estar ben desenvolvido.
Para solucionar esta situación, dende Game Oven están a convidar aos posuidores de dispositivos con Android a contactar con eles, de xeito que recibirán unha copia do xogo para que poidan probar se funciona ben, e así poidan elaborar unha listaxe de smartphones con bos xiroscopios.
Trailer de Bouden
