Para facer moito máis doada a gravación de actividade deportivas ao aire libre, dende Kickstarter están a lanzar un interesante proxecto de vehículo aéreo non tripulado chamado AirDog, que consistiría nun cuadricóptero adaptado para cargar cunha cámara dixital deportiva GoPro para así poder capturar imaxes da práctica de surf ou carreiras en bicicleta ou ciclomotor dende o aire, coa grande vantaxe de que o sistema de guiado estará automatizado, de xeito que poderá seguir a unha persoa que leve consigo un sistema de localización chamado AirLeash (aínda que tamén podería aproveitarse o equipamento para controlar a cámara remotamente).

O AirDog terá un peso de 1,8 quilogramos (con batería), funcionará cunha batería de 4.00 mAh (o que permitiría unha autonomía de entre 10 e 20 minutos dependendo da velocidade de voo), resistiría ventos de ata 14 metros por segundo e o seu sensor AirLeash podería estar ata unha distancia de 300 metros do dron.
Esta solución para a gravación de actividades deportivas pretende poder remitirse aos seus mecenas a partir do mes de novembro, podendo facerse cun destes dispositivos por 995 dólares (771 euros con gastos de envío incluídos) de estarmos entre os 100 primeiros mecenas do proxecto que rematará a súa captación de fondos en 40 días.
Vídeo promocional do AirDog

