Para quen ande na procura de actividades vacacionais para os pequenos da casa e queira cinguir este tipo de cosuas cos trebellos tecnolóxicos e as aplicacións móbiles, dicirlle que xa está dispoñible Wikiduca, unha app para que os nenos reforcen o inglés mentres xogan en vacacións. Esta ferramenta, en palabras dos seus impulsores “o mellor complemento para que os cativos se acheguen a unha nova lingua mentres se mergullan e xogan nun mundo de fantasía semellante ao de Harry Potter ou Pokemon”, conta con dous produtos estrela. Por unha banda, a aplicación Wikiduca en si mesma, un xogo educativo en liña para aprender inglés baseado en métodos psicopedagóxicos “de última xeración”.
Pola outra, A Lenda de Wikiduca, novela gráfica ambientada no devandito mundo fantástico. Trátase dun conto bilingüe para mestres, pais e fillos de 6 a 12 anos que contén importantes doses de maxia, aventura ou probas de superación. Ou sexa, que do que se trata é de empregarmos unha fórmula específica para avanzar no xogo e acadar os nosos obxectivos, e esa fórmula concreta non é outra que aprendermos inglés. Máis en detalle, o que debemos facer é ceibar a unha serie de criaturas máximas chamadas Kidus que aman aprender a devandita lingua e son prisioneiras dunhas sombras que, como podemos supoñer, son os nosos inimigos.
O xogo vén da man de David Anthony, que basea unha boa parte do seu proposta educativa na metodoloxía blended learning, aprendizaxe mixta, semellante ao elearning pero sen substituír a figura do mestre. “Trátase de que os nenos aprendan novas tecnoloxías pero sempre guiados por un profesor”, sinala.
O xogo, que está dispoñible para computador, tablet e smartphone, permite anos nenos familiarizarse tanto coa ortografía como coa pronuncia de máis de 3.000 palabras en inglés. A día de hoxe, informan os responsables de Wikiduca, o recurso está a ser usado por máis de 1.600 mestres en 9 países de fala hispana e en Estados Unidos.
Lanzado un novo xogo-aplicación para que os nenos aprendan inglés en vacacións: Wikiduca
Compartir Este Artigo
