Aproveitando o pulo do micromecenado hai moitos proxecto que buscan ver a luz aproveitando certo toque nostálxico, aínda que o produto poida ser tan infame como o videoxogo Night Trap, que creárase inicialmente en 1986 como unha plataforma de vídeo interactiva chamada NEMO (que sería algo semellante ao que vimos con Dragon’s Lair en Laser Disc, pero baseándose en VHS) que non chegou a ver a luz nese formato, tendo que agardar a 1992 para que finalmente puidese verse o xogo para SEGA CD (e posteriormente para 3DO, PC e Mac).
Esta patética produción de baixo custo pretende volver á vida como Night Trap ReVamped, para o que buscan 330.000 dólares, co que buscan refacer o xogo con vídeo en alta definición e adquirir os dereitos para a súa publicación, deixando incluso a porta aberta para facer unha secuela.
Os mecenas que queiran apoiar a este proxecto poden facerse cunha copia para PC, Mac, PlayStation ou Xbox por 20 dólares (33,73 euros con gastos de envío incluídos) dando a impresión de que van telo realmente complicado para xuntar a seareiros dabondo que queiran que un proxecto tan alternativo culmine con éxito.
Vídeo no que podemos ver o xogo orixinal para MEGA CD
Mostra do vídeo de Night Trap remasterizado
