Aínda que os fabricantes chineses teñen aínda unha presenza bastante tímida nos mercados occidentais, están a apostar pola internacionalización para poder manter o seu ritmo de crecemento, e mentres ZTE en España limítase á venda directa duns poucos terminais, en EE.UU. son máis ambiciosos e anuncian a comercialización en breve do seu ZTE nubia 5S mini LTE.
Estamos ante un terminal 4G que sairá á venda o 27 de agosto a un prezo de 279,99 dólares (210,75 euros), o que parece un prezo moi axustado para un smartphone que presume dunha cámara traseira de 13 Mpíxeles con facilidades de control propias dunha réflex (permite o control independente de enfoque, exposición e balance de brancos) e unha cámara frontal de 5 Mpíxeles para permitir unhas auto-fotos moi ricas en detalle. O novo smartphone de ZTE ten unha pantalla de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, un procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,2 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb), Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, son DTS e batería de 2.000 mAh, dentro dunha carcasa de 7,6 milímetros e cun peso total de 128 gramos.
Un smartphone realmente interesante que como principal eiva ten o funcionar con Android 4.3 e vez de contar cunha versión máis recente do sistema operativo de Google (que podería contribuír a un funcionamento máis rápido e a unha maior autonomía).
Vídeo de presentación do novo smartphone que ZTE leva ao mercado norteamericano

