Microsoft leva meses prometendo que este outono chegarán ao mercado numerosos equipos con Windows 8.1 a prezos moi asumibles, e como grande exemplo diso anuncian agora que a mediados de novembro chegará á cadea norteamericana Walmart o novo tablet Nextbook 10.1 incluíndo un teclado Pogo a un prezo de só 179 dólares (141,08 euros) polo que sería un dos convertibles máis económicos que podemos atopar nun mercado occidental e que aceptará reservas dende mañá mesmo.
O Nextbook 10.1 é un equipo 2-en-1 cunha pantalla táctil IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, que funciona cun procesador Intel Atom Z3735G de catro núcleos a 1,8 GHz, 1 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, micro USB, cámaras de 2 e 0,3 Mpíxeles, saída micro HDMI, batería de 6.000 mAh, sistema operativo Windows 8.1 (con Bing), un ano do servizo Office 365 (que aparte das aplicacións ofimáticas de Microsoft tamén inclúe 1 Tb de espazo en OneDrive e 60 minutos ao mes en chamadas telefónicas internacionais a través de Skype) e 20 Gb de almacenamento en OneDrive. Un equipo que pode servir perfectamente para navegar pola web, consumir contidos multimedia, realizar videoconferencias e facer uso de ferramentas ofimáticas, de xeito que pode resultar moi axeitado para estudantes que precisen dun equipo básico e non queiran realizar un grande investimento.
Vídeo promocional do novo tablet convertible con Windows 8.1

