Hoxe chega unha época tan agardada como temida para moitos xogadores, pois as plataformas de descargas de videoxogos para PC inician as súas rebaixas de inverno, o que tanto supón importantes aforros na compra de moitos dos mellores títulos do ano como tamén pode implicar un gasto desaforado ante a dificultade que teñen moitos usuarios a resistirse a atractivas ofertas.
Ubisoft foi a primeira compañía en iniciar as rebaixas na súa plataforma Uplay, na que os seus xogos están dispoñibles con descontos de ata o 80%, combinando ofertas diarias con outras que se manterán ata o 4 de xaneiro. No caso das consolas de videoxogos os títulos de Ubisoft estarán dispoñibles en cadansúa tenda de descargas cun 30% de desconto coa excepción dos últimos lanzamentos.
Valve pola súa banda tamén iniciou as súas rebaixas en Steam, con ofertas puntuais cada 12 horas e un período de rebaixas que concluirá o 2 de xaneiro. Para comezar forte ofrecéronse xogos como Dark Souls II cun 63% de desconto, Metal Gear Solid V – Ground Zeroes cun 33% de desconto, Rocksmith 2014 cun 75% de desconto ou Euro Truck Simulator 2 cun 85% de desconto. Outras ofertas bastante rechamantes tamén poderían ser a de Metal Gear Rising: Revengeance por só 3,99 euros e Injustice: Gods Among Us Ultimate Edition por 3,49 euros.
Steam e Uplay inician as súas rebaixas de inverno
Compartir Este Artigo
