Hoxe tivemos un novo Nintendo Direct, vídeo no os directivos da compañía xaponesa Satoru Iwata e Satoru Shibata deron conta dos lanzamentos de cara á primavera de Nintendo 3DS e Wii U, destacando o feito de que, antes da vaga de novos xogos, chegará tamén a agardada renovación da Nintendo 3DS, con consolas portátiles con controis mellorados e un incremento de potencia que abriría unha pequena fragmentación no catálogo de xogos (xa que algúns títulos serán exclusivos para as novas máquinas).
As consolas portátiles New Nintendo 3DS e New Nintendo 3DS XL incluirán un segundo stick dixital (de menor tamaño), unha tecnoloxía de pantalla 3D de maior estabilidade (incrementado a confortabilidade do seu uso), un procesador máis potente, unhas descargas tamén máis rápidas e tamén NFC (para poder gozar das figuras interactivas amiibo, o que provocará tamén que o xogo Super Smash Bros. para 3DS reciba unha actualización para engadir o soporte desta tecnoloxía dun xeito análogo á versión de Wii U do mesmo título). A data de lanzamento destas novas consolas será o 13 de febreiro.
Unha novidade moi interesante que tamén chegará a través das consolas portátiles de Nintendo é o Anime Channel, un servizo de vídeo baixo demanda que permitirá que os usuarios europeos poidamos gozar de series de animación xaponesa como Pokémon, Kirby e Inazuma Eleven, que estarán accesibles con só descargar a aplicación correspondente de balde, estreándose este servizo tamén o 13 de febreiro.
Outros xogos para as portátiles dos que se deron detalles foron un novo título da saga Fire Emblem, o agardado Monster Hunter 4 Ultimate (que virá acompañado por un lote que inclúe unha edición especial da New Nintendo 3DS XL coa aparencia do xogo, que tamén chegará ás tendas o 13 de febreiro), Xenoblade Chronicles 3D (dispoñible o 2 de abril), The Legend of Zelda: Majora’s Mask 3D (remake do xogo de Nintendo 64 que veremos a partires do 13 de febreiro e que tamén contará cun lote cunha New Nintendo 3DS XL inspirada no xogo), IronFall: Invasion (dispoñible en formato descargable en febreiro), o combinado Puzzle & Dragons Z + Puzzle & Dragons: Super Mario Bros. Edition (que chegarán en maio, e supón a confirmación de que esta licenza de Super Mario chegará a Europa), Code Name: S.T.E.A.M. (dispoñible o 15 de maio), Pokémon Suffle (un curioso free-to-play baseado en Pokémon que verá a luz en febreiro) e Ace Combat: Assault Horizon Legacy + (dispoñible en febreiro).

Vídeo íntegro co Nintendo Direct de hoxe
Nintendo debulla os seus lanzamentos para os vindeiros meses
Compartir Este Artigo
