Xa temos comentado certas polémicas provocadas pola compra de códigos de descarga de videoxogos en Steam, que chegaron a ser bloqueados internacionalmente por Valve desde certos territorios para, por exemplo, reaccionar ante a flutuación da moeda rusa, e agora entre nesta loita Ubisoft, xa que dende a pasada fin de semana está a desactivar códigos de xeito activo por terse adquirido e revendido a través de páxinas web non autorizadas.
Concretamente apareceron múltiples usuarios nos foros de Ubisoft que queixáronse de que o xogo Far Cry 4 foi borrado das súas respectivas bibliotecas, e admitindo que mercaran o xogo en plataformas alternativas para facer asumible a compra dos títulos (xa que dado o valor das moedas dos seus países os xogos sairíanlles a un prezo equivalente a uns 200 euros, o que claramente queda fóra do alcance da meirande parte de xogadores). Os usuarios protestan polo feito de que a compañía, en vez de tomar medidas contra os revendedores, actúe contra os usuarios finais, que si pagaron polos xogos que agora están a eliminar das súas contas.
Ao parecer, Ubisoft non estaría a actuar contra códigos simplemente mercados internacionalmente, senón adquiridos polos intermediarios mediante fórmulas fraudulentas (como empregando tarxetas de crédito fraudulentas, para logo facer negocio coa revenda).
Cómpre destacar que a diferenza de prezos entre as tendas dixitais oficiais fóra dos períodos de rebaixas e as alternativas son moi levadas, de xeito que, por exemplo, o mencionado Far Cry 4 está á venda en Uplay por 62,95 euros na súa edición para PC, mentres que en Kinguin custaría 32,29 euros e en G2A.com venderíase a 27,99 euros, prezos que claramente atraen aos usuarios a non pagar o prezo completo dos títulos máis buscados.
ACTUALIZACIÓN: Ubisoft asegura que os códigos cancelados corresponden a compras feitas con tarxetas de crédito roubadas e as compañías que comercializan os códigos din que van compensar aos usuarios aos que lle eliminasen os xogos das súas bibliotecas.
Ubisoft toma medidas contra os códigos de descarga fraudulentos
Compartir Este Artigo
