Microsoft desvelou finalmente os xogos que os subscritores de Xbox LIVE recibirán sen custo adicional durante o mes de febreiro, que son uns títulos bastante modestos nos que destacan o espírito dos estudos independentes. Por unha banda temos que os usuarios da Xbox One poderán descargar It Draws a Red Box (tamén coñecido como #IDARB), un xogo de acción bastante difícil de describir, por mesturar plataformas, hóckey, loita e party game para 8 xogadores que tanto poden participar en local como en liña.
Máis tradicional é a proposta para Xbox 360, pois durante a primeira metade de
febreiro os usuarios da máis popular consola doméstica de Microsoft poderán
descargar Brothers:
A Tale of Two Sons, aventura épica protagonizada por dous irmáns na
procura da cura para o seu moribundo pai, que deberán cooperar para solucionar
quebracabezas, explorar distintos lugares e desenvolverse en combates contra
xefes, coa curiosidade de que cada personaxe pode controlarse cun dos sticks analóxicos do mando da consola.
Este xogo está
á venda a 14,39 euros.
Na última metade do mes o xogo que poderá descargarse na Xbox 360 é un título
máis coñecido e tradicional: Sniper
Elite V2. Trátase dun xogo de disparos en terceira persoa no que
controlaremos a un tirador en plena Segunda Guerra Mundial. Está valorado en
29,99 euros.
