Moitos son aínda os usuarios de Xbox 360 que non deron o alto á nova xeración de consolas de videoxogos, e para facer máis atractiva a compra dunha Xbox One dende Microsoft veñen de activar unha interesante funcionalidade para os usuarios Gold de Xbox LIVE: a posibilidade de engadir á súa biblioteca de xogos os títulos que se ofrecen mensualmente sen custo adicional para a nova consola, de xeito que cando finalmente a adquiran xa contarán cuns cantos títulos dos que gozar sen ter que pasar por caixa.
Deste xeito, durante o mes de marzo os usuarios de Xbox 360 que estean subscritos a Xbox LIVE Gold non só poderán descargar sen custo adicional os xogos Tomb Raider e Bioshock Infinite, senón que tamén poderán engadir á súa colección Rayman Legends para Xbox One, de xeito que cando merquen a última consola de Microsoft poderán descargar o popular título de plataformas sen ter que pagar polo mesmo, o que supón un interesante incentivo para os que aínda non decidisen se mercar unha Xbox One ou unha PlayStation 4.
Vídeo no que amosan como os xogos de Games with Gold de Xbox One están accesibles dende Xbox 360
Os usuarios de Xbox 360 poden sumar á súa colección títulos de Games with Gold para Xbox One
Compartir Este Artigo
