Nintendo pechou a semana pasada con grandes novas para os seus seareiros, xa que en plena celebración da Semana Santa publicou un novo Nintendo Direct no que desvelaron novos detalles sobre os xogos que lanzarán este ano. Un dos anuncios máis curiosos foi que Animal Crossing vai inspirar a creatividade, xa que enriquecerase con Animal Crossing: Happy Home Designer, título que chegará no outono e que suporá a estrea das tarxetas amiibo cos personaxes desta aventura, que abrirán unha nova experiencia de xogo. Tamén se anunciaron actualizacións para Mario Kart 8 e Super Smash Bros. para Wii U e 3DS, títulos para os que teremos contidos adicionais entre os que destaca especialmente a estrea da competición dos 200 cc no caso do xogo de carreiras de Mario.
Tras coñecerse que este ano non teremos novo xogo de Zelda, era moi importante que Nintendo confirmase algún importante lanzamento, e así durante o Nintendo Direct confirmaron as datas de lanzamento de Splatoon (29 de maio) e Yoshi’s Woolly World (26 de xuño), xogos dos que deron novos detalles (como as súas edicións especiais que incluirán atractivos amiibo), á vez que tamén se anunciou a celebración do 30º aniversario de Super Mario Bros., o vindeiro título da serie Fire Emblem, BOXBOY! (un quebracabezas para 3DS protagonizado por Kirby) un novo Project Zero para Wii U e incluso a nova de que a Europa chegará o xogo baseado na serie de animación Ataque a los Titanes: Attack on Titan: Humanity in Chains (dispoñible na Nintedo eShop para 3DS a partires de maio).
Vídeo co último Nintendo Direct íntegro
